"Todas e todos estamos no mesmo buraco do patriarcado"

Porque o mundo segue sendo dos homes

Sexismo é a discriminación de persoas dun sexo por consideralo inferior ao outro. E nun mundo feito por e para os homes, está claro cal é o considerado “sexo débil”. Elaboramos esta reportaxe non con intencións de cambiar o mundo, senón demostrar a realidade que 100% das mulleres viven. Demostrar cales son estes estereotipos de xénero e as súas orixes: desde carreiras máis masculinizadas/feminizadas, ata o rol da muller no sexo. Os tipos de acoso que existen, e casos que coñecemos en primeira persoa: acoso en redes sociais e, finalmente, as medias que se toman en consecuencia. E despois de todo pensar por que está tan normalizado ou sexismo? Porque o mundo segue sendo dos homes.

No momento no que tomando un café escoitamos esa frase, foi como se o azucre deste desaparecera. Pensamos, á vez, en que somos mulleres que habitamos este planeta, pero claro, o mundo segue a ser dos homes, non noso, nin compartido. Sabémolo perfectamente, tratamos de erradicalo, pero aínda así non o conseguimos. O mundo segue sendo dos homes, pero de cales estamos falando? Por suposto, dos que responden ó estereotipo varonil (case medieval), forte, heterosexual, traballador…O mundo segue sendo dos homes, daqueles que habitan unha sociedade na que tamén existen as mulleres, as persoas non binarias e as de xénero fluído. O mundo pertence a eses mesmos homes que conviven con todas nós, pero dun xeito no que o verbo “convivir” acaba perdendo parte do seu significado. O mundo segue a ser dos homes, pero de cal? Daquel onde a igualdade e a equidade perden parte do seu significado tamén; onde as lentes moradas son un sinónimo de “feminazismo” (termo propio deste mundo dos homes, aínda non o entendemos moi ben, pois nós non somos homes); e onde unha muller boa non existe (só parcialmente; e unicamente, con moita sorte, é aquela que non se queixa e que obedece). 

A ver, é que as mulleres sodes obxectivamente máis insoportablesque os homes, e quedas calada porque te bloqueas"

Ao preguntarlle a María Torre, xornalista, sexóloga clínica, divulgadora sexolóxica e fundadora de ArsEróticas, acerca do que ela consideraba como estereotipos de xénero, a resposta que deu foi clara e concisa. "Os estereotipos son estas formas que nos ensinaron, que están moi enraizadas, como se acaban repetindo, repetindo e repetindo sen que nos paremos a pensar se de verdade iso nos identifica a cada persoa". Alén de definir o termo únicamente, achegounos unha perspectiva diferente, un punto de vista que se centra en cada persoa sometida a estes roles de xénero, e a despersonalización que estes poden chegar a causar en cada individuo. 

Como todo gran problema, ten unha orixe que se remonta tempo atrás. Non existen persoas no mundo que non se viran -en maior ou menor medida- influenciadas por estes estereotipos. Aínda que, afortunadamente, co paso do tempo téndese á erradicación disto, aínda están moi presentes na sociedade.

Non son poucos os e as estudantes entrevistados que concordan en que a orixe é a sociedade, a educación, unha herdanza histórica. Por unha banda, os perxuízos apréndense ao longo do proceso de socialización dos individuos, herdados da súa cultura ou das familias. Ninguén nace con eles, todos son aprendidos, pero unha vez incorporados á idea que temos do mundo, resultan particularmente difíciles de erradicar. Mesmo se se ten acceso racional á información que os desminte, os estereotipos poden sosterse. Esa é a razón pola cal continúan transmitíndose. Os medios de comunicación e a cultura teñen un rol importante na construción ou a destrución dos mesmos. Por outra banda, a parte histórica. O estudantado é moi consciente de que quen non coñece a historia está condeado a repetila, e aplauden como nas súas carreiras -quizais nas máis estereotipadas- xa dende o primeiro ano se lles informa do que poden atoparse no mundo exterior.

“Iso é pola historia. É o que nos explican aquí, na carreira. Somos enfermeiras polo que foi a historia: as mulleres sempre se dedicaron a coidar, e as enfermeiras coidan.” (Estudante de Enfermaría, 18).

“A orixe está evidentemente na educación, en que non se fala demasiado sobre o tema. A universidade nunca che di nada. En casa supoño que os pais non queren abordar o tema porque igual tampouco son conscientes do problema. E os homes supoño que se moven nun ámbito no que, á fin e ao cabo, os seus amigos tampouco son conscientes, polo que se alimentan uns a outros”.

Á súa vez, concordan en que a solución é o propio paso do tempo (porque as xeracións novas van cambiando máis o modo de ver as cousas) e, novamente, a educación. Consideran que estar informados é fundamental para a erradicación de calquera problema deste tipo, xa que moitas veces quen máis contribúe a que este siga activo é porque non coñece acerca del.

“O sexismo é algo que hai que erradicar e se non se consegue é porque moitos consideran que non existe, pero está presente na nosa vida cotiá, e máis na das mulleres.”

A realidade é que aínda que tanto homes como mulleres estean condeados a sufrir as consecuencias dos roles de xénero, o certo é que a peor parte lévamola as mulleres. Isto non debería ser abraio para ninguén que coñeza un pouco de como funciona o mundo. O mundo dos homes. Isto é xa aplicábel a calquera tipo de sexismo: no eido sexual, na percepción persoal, no ámbito universitario, etc. O sexismo está agochado até no último recuncho, no menos esperado.

Os estereotipos de xénero están moi presentes incluso nas relacións sexuais. Moitas mulleres que manteñen relacións con homes síntense presionadas a compracer sen seren compracidas, porque unha vez máis a figura delas vese como submisa. A muller moitas veces non pensa nela, sinte que ten que compracer e facer o que se espera dela.

“Normalmente espérase da muller que sexa agarimosa, que teña máis capacidade afectiva e cumpra co rol de coidadora.”

Até hai carreiras universitarias e graos de FP claramente estereotipados. Moitos estudantes admitiron ter recibido algún tipo de comentario ou burla, ou se sentiron presionados -e mesmo chegaron- a deixar a carreira por non saber xestionar se formaban parte dalgunha destas carreiras máis masculinizadas ou feminizadas.  Os graos "de muller" dedícanse coidado de persoas, requiren paciencia, tranquilidade. Enfermería ou Educación Infantil e Primaria poderían ser dous exemplos de carreiras cunha maior presenza feminina, aínda que afortunadamente esta fenda é cada vez menor. Pero incluso nas carreiras con maior presenza feminina, segue habendo discriminación ás mulleres e favorecemento aos homes. “Dáse a casualidade de que en Belas Artes o maior número de xente é muller, con moi poucos homes e, con todo, son eles os que adoitan ter mellores notas. Ou un trato máis próximo con algúns profesores, normalmente homes tamén. Entón, eu creo que aí si que hai (sexismo) aínda que non sexa de maneira consciente”. E no caso contrario, están as carreiras "de mozos". Estudos como Enxeñería ou Física, Carpintería ou Mecánica, que son vistas para xente cunha gran destreza mental e física. “Coñezo a unha rapaza que que estaba nunha enxeñaría e que de tanta presión e todo dixo que ela non podía estar alí. Acabouno deixando”.

E que é complicado ser muller nun mundo feito por e para os homes. E isto leva sendo así toda a vida.

María Torre fala da "homosociabilidade", un termo empregado para referenciar a predilección dos homes para establecer vínculos con persoas do seu mesmo xénero, utilizado por primeira vez pola escritora Eve Kosofky Sedwick. É unha predilección dos homes para rodearse de máis homes, coma se estes por o mero feito de seren homes, fosen automaticamente mellor compañía. "A forma de relacionarse da xente depende do xénero ao que se dirixa". Non é raro observar tamén como xa non é que prefiran rodearse de mozos, senón que cambian o seu comportamento á hora de falar cunha muller. O mundo dos homes, en definitiva. “Vénseme á cabeza un exemplo que observei o outro día, o diferente trato dun caixeiro do Carrefour cara á clientela: cos mozos hai ese trato de case colegueo, sobre todo un sábado pola noite entre rapaces que están a comprar bebidas e demais, que non o mantén coas mozas. Non é tanto sexismo como tal, pero xa hai unha diferenza de trato debido ao xénero. E en situacións tan cotiás como pasar polo caixeiro do supermercado.”

Manifestación durante o 8M en Santiago de Compostela, 2022

Manifestación durante o 8M en Santiago de Compostela, 2022

Case un 60% das enquisadas admitiron sufrir sexismo nalgún momento da súa vida e case un 67% admitía ter sentido unha discriminación por ser muller. A ONU pola súa banda publicaba un estudo que di que 9 de cada 10 persoas no mundo ten perxuízos sexistas. Con todo, á hora de preguntar á maioría de mozos acerca de se algunha vez tiveran algún pensamento ou comentario sexista, ou se tiñan algún amigo que o fixese foron realmente poucos os que dixeron si. A maioría soltaban un "non" e pasaban á seguinte pregunta, sen reflexionar demasiado na cuestión. Aínda máis curioso, é ver como a pesar de todo isto as mulleres sempre son cuestionadas, postas a proba e dubídase da súa palabra. Por que nós somos as que mentimos? Seica non é a nosa versión a que encaixa coas probas, cos datos? E é que aí está unha vez máis a raíz deste problema: até que todo o mundo non abra os ollos, e se dispuña a aprender, actuar e cambiar, será moi complicado lograr un cambio real. É o epicentro do mundo dos homes.

 “A mirada pode ser unha forma de acoso?”

Agresións, si. Tocamentos, tamén. E por suposto gritos e asubíos pola rúa. Pero que hai dun comentario ofensivo? Das bromas de mal gusto? Cando te insinúan? E cando sentiches que non te escollían nos equipos en ximnasia no instituto por ser muller?

Ás veces os roles invértense e a persoa entrevistada comeza a facer as preguntas. O mesmo titubeo asomaba en moitas delas cando lles preguntabamos se se sentiran discriminadas por ser mulleres. “Definimos acoso un pouco tamén como recibir comentarios con respecto a como vou vestida e ensinar un pouco?”, preguntaba unha delas.

“Os estereotipos teñen varias aristas. Por un lado, o que nos ensinan (como temos que ser, como nos temos que comportar...). Por outro, como os definimos e como o exteriorizamos”, sinala María Torre, xornalista e sexóloga. Mulleres e homes non habitamos igual o mesmo espazo. “Aínda que agora por sorte cada vez está cambiando, pero [determinadas actitudes sexistas provocan que] moitas veces un home acabe tendo ese comportamento violento sexual, xa sexa máis físico ou psicolóxico”. Son actitudes enraizadas, explica a sexóloga, que se van repetindo e afectando a cada persoa –e á súa identidade—, aínda que de maneira diferente. A percepción, sempre tan subxectiva. Sobre todo cando se tratan temas como a violencia sexual.

Por iso o informe que vén de presentar o Instituto de las Mujeres, Sexualidad de las mujeres jóvenes en el contexto español. Percepciones subjetivas e impacto de la formación, decide falar de violencias sexuais, en plural, “porque é claro que existen varias; de distintas intensidades, de distintos impactos, factuais e simbólicas”.

“Entón si”, contestaban elas.

En discursos, en vivencias. Entón sae á luz que as violencias sexuais son unha das preocupacións centrais das 1.516 mulleres de 18 a 25 anos que viven no Estado español –en referencia ó informe citado–. Un problema social que se cualifica como de primeira magnitude. Entón semella que un comentario, unha broma, un acto que parece superficial... ponse na mesa e sinálase con dedo acusador. Ese ‘si’ é unha luz morada que ilumina realidades que antes estaban ocultas. Condutas que son, até certo punto, naturalizadas e que teñen que ver coa cosificación, a estigmatización e a hipersexualización do corpo das mulleres. Incluso dunha mirada.

“Bueno, unha amiga, que… Non sei, de normal, en Granada, calor, 50 grados, un vestido un pouco escotado… Un profesor un pouco baboso que miraba máis ás súas tetas que a outra parte da clase”.

Da mirada escribíronse toda clase de poemas, relatos de amor. Por ela “daríase un mundo”. Pero en ocasións, espazos coma un ximnasio, unha discoteca, a rúa, etc., fan que este obxecto poético mude de forma. “E ti sínteste observada e pregúntaste por que che teñen que mirar así”. En María Torre non hai asomo de titubeo cando afirma que xestos tan nimios e cotiáns poden exercer violencia. Máis simbólica, pero violencia. Porque “o importante”, explica, “é o que hai detrás, como estou facendo esa mirada, desde esa obxectivación do teu corpo, a túa forma de camiñar, simplemente porque es unha muller. Isto acaba trasladándose a actitudes máis graves”.

Isto acaba por construír un alto iceberg cuxo cume — violencia extrema como feminicidios, asasinatos— cobra protagonismo. Incluso para as e os entrevistados. E o é por toda esa realidade normalmente oculta nas profundidades dun mar ruidoso e revolto. Pero sen mar, sen auga que conxelar, non hai iceberg. Moitas dos e das entrevistadas, de nós, adoitamos esquecer que a violencia sexual non só é a extrema. O iceberg é ambiguo. Cotiá? As cifras do Instituto da Muller aclárano un pouco.

Un 67,4% das mulleres recibiron comentarios sexuais ou sexistas inapropiados en espazos públicos.

Un 46% recibiu imaxes ou comentarios de índole sexual sen o seu consentimento a través de redes sociais.

Un 36,2% sufriu tocamentos sexuais non desexados e ao descuido (no transporte público, en locais, en aglomeracións). Un 12,7% sufriu, incluso, tocamentos sexuais pola forza.

O 61% das mulleres entrevistadas responder que sentiron medo de sufrir algún tipo de violencia sexual no espazo público.

O 56,7% outorga ao sexismo a máxima importancia como problemática social.

Manifestación do 8M en Santiago de Compostela, 2022. A pancarta recolle datos do INE sobre os índices das violencias sexuais.

Manifestación do 8M en Santiago de Compostela, 2022. A pancarta recolle datos do INE sobre os índices das violencias sexuais.

As propias experiencias persoais, as vivencias compartidas con outras mulleres do entorno, ou a visibilización de determinados casos con repercusión social e mediática explican este grao de sensibilización. Este aumentaría significativamente entre quen máis se identifica co feminismo.

“Ao final sempre son os mesmos patróns”. “Desafortunadamente este tipo de feitos aínda son cotiáns no ámbito laboral e familiar”.

“Case todas as miñas amigas e eu tivemos situacións nas que nos sentimos discriminadas por ser mulleres, incluso dende pequenas, mais unha vez que vas medrando comezas a levalo e reaccionar de maneira diferente”.

Xián –nome falso—, explícanos que o sexismo nos afecta a tódalas persoas en calquera aspecto da nosa vida, pero non é igual a todo o mundo. Para el, que alguén non sinta que estas actitudes lle afectan é debido a unha falta de consciencia, non a unha ausencia. Relátanos a súa vivencia: “Eu sinto que non me afectou en moita medida porque sempre discutín (sobre estes temas). Pero si me considero, por dicilo así, unha vítima dese sistema porque, por exemplo, empecei a levar top porque me apetecía o ano pasado. Ao mellor se non existise este sistema sexista que parte dunha base cisheteropatriarcal, levaría ese top toda a miña vida e estaría super cómodo con el. (...) Ao mellor non sabemos que podemos facer libremente até, eu que sei, os dezaseis anos cando xa comezas a pensar en serio por ti mesmo. Pois xa son dezaseis anos da nosa vida nos que non somos plenamente libres. E isto márcanos”.

Sinalando as súas diferentes intensidades, ían asomando adxectivacións como “o típico pesado”, “machistadas típicas”, “os típicos colegas que co pretexto do humor facían moitas maldades”.  Pois, coincidindo como sinala o informe de 2022 do Instituto de la Mujeres, a experiencia máis habitual que comparten as mulleres entrevistadas son as intimidacións verbais: piropos, afagos non desexados a calquera aspecto da muller. O seu contido ou a forma na que se expresan producen incomodidade. O corpo delas volve a estar no punto de mira da mirada masculina.

Ocorre que xusto intres antes de falar cunhas rapazas sobre o sexismo, un señor che mande un piropo “moi estrano que non vén a conto”. Ocorre o acoso na rúa, ao que "fai un par de anos podía calar e sentíame moi incómoda, agora a maioría de veces respondo ou, dependendo da situación, ignoro e sigo o meu camiño”. Ocorre que o feito de que che sigan pola noite, incluso en grupo, de home a muller, non é anecdótico –hai exemplos deles en tódolos sondeos—.  “E claro que me sentín encerrada, e claro que me sentín acosada, e claro que me estaba sentindo como que estaba a facer cousas, ou que estaba a intentar algo comigo que non ía chegar. E nese sentido claro, e logo xa pois o acoso na rúa, etcétera, ao final é como encarnar nós ese desexo sexual continuo. É vernos como obxecto deseante todo o tempo.” Ocorre, en consecuencia, toda unha serie de condutas represivas, incluso autorrepresivas, que algunhas mulleres adoptan para evitar o acoso: “cambiar a roupa sempre”, “evitar chamar a atención ou ser demasiado amable”, “camiñar moi rápido cando vou soa de noite, “evitar ir soa de noite”, “dar indicacións á persoa á que chamas por teléfono mentres camiñas soa e evitar mirar aos ollos a homes”. A culpa e o medo xeran un clima de incerteza, actúan como cadeas.  Aínda que aquí, en certa medida, rodeamos o muro.

Se ben a meirande parte de mulleres afirmaron que se sentiran discriminadas por seren mulleres nalgún punto da súa vida (1 de cada 2 mulleres españolas de 16 anos ou máis), asoma entre as vivencias relatadas unha voz que se nega como culpable e como vítima. “Porque non teño culpa, porque teño o dereito de vestir como queira”, [“a culpa] é a do home e os seus principios”. O medo desvanece, maioritariamente, ao preguntar nós. No seu lugar, asoma un xesto de repulsa á culpa, á vitimización. 

A infancia tamén se lembra. Nela, na adolescencia, xa aparecen exemplos de discriminación, de acoso. Unha ten 24 xa, pero se segue lembrando cando “tería uns 16 anos si que ía pola rúa tranquila, era de noite…serían as once, non moi tarde e volvía para a casa. Perseguíronme un grupo de mozos para gritarme e cousas así”.

E cousas así ramifícanse cara a actitudes máis graves. A estigmatización, o escarnio de certos comportamentos femininos ata potenciais abusos e agresións que ocorren.

 A repetición deste tipo de condutas masculinas é tal que se normaliza. Tense presente, como alarma, como algo familiar. Unha semente que crea un sentimento de resignación entre algunhas mulleres. Ese pensamento de que “si, paréceme algo normal, eu creo que case todo o mundo…adoita soltarche comentarios alguén que non coñeces, vas pola rúa e algún comentario cae”. É o que toca por estar nun contexto equivocado, por ser muller, parecíanos explicar esta rapaza.

“Porque como nos din quen pode ser máis sensible, que pode expresarse dunha forma, quen pode facer algo, e outras persoas non podemos facelo… Pois iso inflúe e dános, digamos, a forza para xustificar determinadas actitudes como as machistas, non? Por exemplo, cando dicimos “pero é que que podemos esperar se un home se comporta dunha forma máis violenta?” “É que o educaron así”; Xustificámoslles non?, ó fin e ao cabo”, sostén María Torre. “Pero non un estereotipo per se xustifica unha actitude violenta, ou machista, ou que perxudique a outra persoa”.

Máis da metade das entrevistadas (57,7%) afirma que mantivo relacións sexuais sen apetito ou por compromiso. Un dato coherente co xa exposto Diagnóstico de las mujeres jóvenes en la España de hoy, no que preto da metade (46,8%) de quen tiña entre 18 e 34 anos manifestaba atravesar esta situación.

“Si, porque sentía presión social”

“Si, porque o meu mozo quería deixarme por non telas”.

“Si, para non facer sentir mal á miña parella”.

O desexo sexual pode ser un xogo de poder asimétrico. Unha conduta que probablemente estea asociada ás ideas de dispoñibilidade e satisfacción dos desexos sexuais da parella, incluso por enriba dos propios. De novo, roles. De novo inequidade. María Torre sinala a imposición do desexo sexual, tanto en homes como en mulleres, da que deriva a hipersexualización da sociedade. Unha hipersexualidade que, non obstante, pode chegar a coexistir con tabúes, con recriminacións ás mulleres por ter “demasiado”, por non ter o “suficiente”. E insultos, comentarios. Cando se disiden dos roles de xénero, cando se intenta escapar da vitimización: “son lesións á liberdade sexual”, conclúe o informe do Instituto da Muller.

“Eu o que vexo é que, por exemplo, un home queda moi ben dicindo estiven con 20 mozas, queda moi home. E cando unha moza di que estivo con 20 mozos desprézana, tómante como o que non es.”

A sexóloga considera esta disparidade, na parella e no desexo, xustamente aos estereotipos moi marcados: el debe o control, ela asume máis cargas –laborais, domésticas, emocionais, mentais...— que se acentúan coa idade. As cargas pesan, quitan apetencias. A idealización do que debería ser, a imposición do que terías que estar desfrutando tamén. E ás veces, non se cuestiona ese sentimento de estar pechada en algo que non gusta. O que nos gusta é doce, está revestido dunha capa de azucre: “eu sempre digo que é como o azucre, non? Ou os bolos. Se ti comes todas as tardes un donuts e unha tarde non, dis: “ui, hoxe fáltame algo, como que me sinto baleira”. Canto máis comes, máis che gusta. Agora, se estás a consumir o que a ti che gusta e o que vai contigo, non? Pois co sexo pasa exactamente o mesmo. Entón, mínanos a autoestima? Si, en certo xeito, porque vánnos botando moitas cousas enriba, a parte das cargas”.

“É bastante contraditorio porque á vez que [o sexo] é un tabú, tamén é unha sociedade hipersexualizada en moitos aspectos. E entón existe tamén como relacionar o sexo co logro, “conseguíchelo” ou “estás dentro” …"estás a participar". De novo a mirada. A mirada social que metaforiza o sexo como un logro. As cargas son dobres.

Comezabamos ao principio coa cita de María Torre de que o mundo é do home. Cuestiónase a si mesmo, relaciónase con outros homes; como todas e todos, buscan recoñecemento. O que a sexóloga denomina “homosociabilidade”: acompáñanse, apóianse, xustifícanse… É verdade que hai un sector que o quere cambiar? Pois si. Pero a forza que se resiste ao cambio segue sendo moi forte. Se vives nunha sociedade na que esta atmosfera social te envolve, acabas necesitando participar nese recoñecemento social [masculino]”. Eles tamén calan e non saben como manexar diferentes situacións. “Están insatisfeitos, pero non o din”.A actual realidade é dual: física e dixital. A dominación masculina, tamén.

Por sorte, a universidade non parece ser o foco principal onde sucedan as comentadas actitudes sexistas. Si hai un caso no que unha rapaza sostén que un profesor non a colleu para o TFG. Un profesor pode chegar a ser denunciado por participar nun tipo de violencia sexual (non extrema). Outro que chama ás tres da mañá e tras percatarse de que a rapaza non tiña ningún tipo de interese, deixa de falar con ela.   Mais o contexto descrito que forman os estereotipos de xénero ocorren máis habitualmente fóra das súas portas. A tensión que xeran ocorría no instituto, cando se podían sentir discriminadas dalgunha maneira; no ocio nocturno, cando algunha notou máis medo dado “ós pinchazos”, na rúa. Os espazos públicos seguen sendo unha conquista pendente para a muller. Ao igual que os dixitais.

Un 45,7% das mulleres entre 16 e 24 anos manifesta haberse sentido ofendida, humillada, intimidade, acosada e/ou agredida en redes sociais. Un 79,8% experimentou situacións como comentarios sexualmente explícitos, mensaxes insistente, ameazas con difusión de imaxes, etc.

As redes sociais poden converterse nun espazo no que se reproduzan distintas formas de violencia. Esa é a conclusión do estudo específico sobre esta cuestión do Instituto de las Mujeres (2022, Mujeres jóvenes y acoso en redes sociales). O acoso sexo-afectivo é o central. Dáse cando unha muller mostra a súa negativa aos desexos dun home e este segue insistindo. As porcentaxes varían, segundo a orixe, segundo o tipo de contido recibido, que tipo de acoso. O perfil sinalado é un home descoñecido que actúa en redes sociais cunha motivación sexual ou buscando unha relación íntima. Feitos leves, pero continuados. En casos menores, prolónganse até máis de tres meses.

“Dende propostas indecentes a través de mensaxes directos, até comentarios nos que me mandaban “fregar os pratos””.

“Obrigábanme pasar fotos miñas espida”.

“En partidas online [de videoxogos] non conecto o micro porque [os homes] me din de todo por ser muller, incluso se lles mando nudes (fotos espida) déixanme gañar, e comentarios similares”.

Ademais do afecto-sexual, o ciberbullying online está mediado pola sobre do xénero, da fiscalización das mulleres. Este último estudo sinala que as rapazas xúlgannse máis polo seu comportamento e as súas relacións. Que se xulga máis o contido das súas redes socios que aos homes. Que isto incrementa a percepción xeral de que unha muller ten máis probabilidades de sufrir calquera tipo de acoso. Outra vez os roles. Outra vez o iceberg: está tan normalizado, o seu hábito é tal, que costa identificalo como acoso. Costa falalo, sinalalo, denuncialo. Isto lexitima actitudes, “non as xustifica, pero ampáraas”, lémbranos María Torre. “Somos culpas andantes. É unha loita interior constante. Debemos preguntarnos até que punto témonos que regular, digamos: estar sempre alerta –nese sen vivir–, pero coa dúbida de que facer: dígoo todo o tempo? Autocensúrome e só os sinalo en momentos que considere imprescindibles, pero noutros [momentos] non?”. Torre fala de “aforrar enerxía”. Pero, desgraciadamente, hai loitas que non pagan a pena.

Deixamos de mergullarnos no mar xélido e ascendemos ata a punta do iceberg. Cravamos aí a vista:

A violencia física por parte de calquera persoa afectou a 21’5% de mulleres de máis de 16 anos.

Sexual é de 13’7%.

Fóra da parella: 6.5%

O 2,2% sufriron unha violación. A maior parte delas sufrirá outro tipo de violencia sexual.

O 8% denuncia por ela mesma (11’1% se é outra persoa ou insititución).

O 66,9% non busca axuda formal. Ascende a sombra do medo: ao ser menor por entón, por vergonza, por medo a non ser creída. Así o sinala a Macroenquisa sobre a violencia contra a muller en 2019.

As violencias cotiás enrédanse, interseccionan, mutan e acaban coaccionando máis intensamente. Pode ser que unha rapaza o denuncie publicamente. Que entón se sumen máis rapazas. Sinálase ao mesmo home, da mesma facultade. Son mensaxes por redes sociais, son seguimentos até as vivendas das rapazas sen consentimento, son insultos misóxinos ante o rexeitamento. Non todas eran da mesma carreira, pero aproveitando o 8M de 2021 a Asemblea de estudantes de Filosofía da USC dixo basta. Así, sae culpable o caso de acoso dun alumno de Filosofía a unhas dez rapazas. Resulta un caso representativo. De primeiras, as acusacións de acoso por redes sociais non parecían suficientes para illalo do resto do estudantado, houbo certo apoio e contestacións a este. “Nun manifesto que leron ese 8M ás portas do centro destacaron que non se trata dun caso illado, “senón dun problema que responde a cuestións sistemáticas e estruturais da USC e que non podemos tolerar””, di El Correo Gallego. O alumnado toma a iniciativa. Se antes falabamos dunha luz morada, agora é un buzón nun banco no corredor da facultade. O buzón é básicamente para que, se non se quere recurrir ao profesorado por isto de que non che atendan ou similar, sempre temos este buzón que o controlamos o alumnado para poder xestionalo dende a asemblea. Porque aínda que ao mellor non haxa sancións académicas, polo menos si vetar a esa persoa dos espazos de asamblea e demais”. Entre os estudantes da facultade xa falan doutro caso, doutro rapaz. Aínda sen sancións. 

Pintada nunha das portas dun baño da Facultade de Filosofía da USC.

Pintada nunha das portas dun baño da Facultade de Filosofía da USC.

"O importante é o trasfondo", sostiña María Torre. “Ao final é vernos como obxecto de desexo todo o tempo”, comentábanos unha rapaza. O que quere dicir: ser tratadas como un obxecto de desexo constante, sen vontade propia, ao alcance de calquera”.

Lonxe de debates, de forma espontánea xorde a discusión sobre a necesidade de non dar por sentado o consentimento feminino –, excepto en grupos de matriz ideolóxica máis conservadora, segundo sinala o primeiro informe-. A coñecida como lei do “só si é si”, que promove a nova reforma lexislativa do Ministerio de Igualdade.

"É acoso no momento que lle dis que non, que non queres falar con esa persoa, que lle pides que deixe de mandarche mensaxes e, por exemplo, segue mandándochos ou crea outra conta para facelo. Iso é acoso porque xa lle dixeches que non,e é que non. E no tema do bullying se che insultan sen razón é acoso "

"Non me gusta que non me guste o meu corpo"

"Non me gusta que non me guste o meu corpo".

"As miñas relacións non me fan máis ou menos válida".

"Unha relación debería ser fluída e mutua".

"Antes, estaba moi ben co meu corpo. Agora, ódioo".

Estas son só algunhas das moitas declaracións que escoitamos ao longo destas semanas de investigación. As enquisadas foron preguntadas se estaban cómodas co seu corpo. A resposta media foi que non. Ou si que o estiveran, pero agora senten un rexeitamento visceral cara as partes non normativas. Cara as estrías. Cara as engurras. Cara o acné. Cara a graxa, as curvas, a falta delas, os peitos, a cara, o cabelo, as pernas, o ventre, os beizos, o sexo.

O ser.

"Deberíase educar á xente e que entenda que todos os corpos son fermosos"

Semella que o simple feito de ser muller leva implícito un sentimento de noxo cara a nós mesmas, cara á nosa persoa. Os estereotipos están tan integrados en todas nós, que non chegamos a ser plenamente conscientes das súas implicacións na nosa vida diaria, na nosa forma de establecer relacións xa non só sexoafectivas, senón sociais en xeral. Na nosa forma de percibirnos a nós mesmas ou mesmos.

Centrándonos no apartado concreto de relacións sexoafectivas, aínda que é certo que a maioría das persoas que respostaron ás nosas preguntas actualmente “non ten ningún tipo de relación ou parella”, non houbo un consenso sobre a cuestión de se mulleres e homes xogan un rol diferente neste tipo de relacións. Houbo sies, noes, dependes. O que si parecemos ter claro é que da muller se espera o papel afectivo e do home o sexual. Pero tamén hai unha perspectiva positivista, unha perspectiva que percibe os cambios, ás veces imperceptibles, nas parellas. Que capta a crecente tendencia do home a escoitar e a da muller de saír da casca (e da casa). A progresiva igualdade de responsabilidade emocional entre sexos. Unha perspectiva que avoga pola demolición dos roles sexuais.

"Chegan a estrañarse se es ti quen quere tomar as rendas".

"Algunha vez, como muller, dubidaches da normalidade do teu libido? Si"

"Relacionaches o teu nivel de desexo sexual coa túa valía como muller? Si. Tiven un ano que me chaman “puta” porque facía o que quería con quen eu decidía."

"A raíz diso, parei queta un pouco, e teño un tempo que penso que podo ser asexual, porque non teño apetenza por ter relacións sexuais."

"Si, de feito sempre tiven unha imaxe de inocente e nena pequena porque non experimento apenas atracción sexual e non participo en actividades sexuais".

"Si".

"Si".

"Si".

O sexismo pode incluso facernos cuestionar a nosa propia sexualidade, crer que hai unha apetenza sexual correcta e que debemos cinguirnos a ela porque senón seremos “putas” ou “puritanas”. Fainos pór nunha balanza que é mellor: ser puta ou puritana? Prefiro pecar de exceso de libido ou de escaseza? Serei puta por ter moito? Serei asexual por ter pouco? Debería finxir un orgasmo? Debería ter sexo aínda que non me apeteza? Alarmounos que houbese mulleres que nos confesasen que mantiveran relacións sexuais por compromiso. Que se amoldaran á vontade da súa parella (home na maioría dos casos) en contra da súa propia. Que nin sequera se opuxesen ou, en caso de facelo, ser presionadas até ceder. "Si, porque o meu mozo queríame deixar por non telas".

"Si, por validación masculina".

"Si, porque sentía presión social".

"Si".

"Si".

"Si".

Con María Torre puidemos observar esta realidade dende un punto de vista máis profesional. Preguntámoslle se o aumento de mulleres que admitiran ter relacións por compromiso podería estar relacionado, dalgunha forma, coa autoestima de cada unha. "Si, co que nos ensinaron que temos que facer. Porque moitas veces, ata chegada certa idade, non decimos: “ben, que estou facendo coa miña vida sexual? Por que non me gusta nada?”. E cando comezamos a investigar, [...] a ver que hai máis mundo, [...] entón é aí cando nos replanteamos moitas cousas, e decatámonos de que tivemos unha vida sexual, moitas veces, de merda total. [...] Entón, mínanos a autoestima? Si, en certo modo, porque nos van botando moitas cousas enriba. Porque fixeches o que che dixeron que hai que facer, ou [...] o que che ensinaron, o que ves que se fai".

O Tratado Constitutivo da Unión Europea promove a igualdade efectiva entre homes e mulleres, no artigo 2, o 3.2, o 13.1 (modificado polo Tratado de Niza) e, por último, o 141.1. Seguindo no marco lexislativo da Unión Europea, e seguindo o imposto no artigo 23 da Carta de Dereitos Fundamentais (“Igualdade entre homes e mulleres”), “a igualdade entre homes e mulleres será garantida en todos os ámbitos”.

A Constitución Española de 1978 recoñece no seu artigo 14 “a igualdade de todas as persoas ante a lei, sen que poda prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, raza, SEXO, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia social”. A Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, tamén é de interese. As medidas aquí establecidas son posteriormente explicadas no Estatuto dos Traballadores e na Lei do estatuto básico do empregado público.

En Galicia, o marco normativo para a igualdade de xénero está recollido en tres leis: na Lei para a igualdade de mulleres e homes (Lei 7/2004, do 16 de xullo), na Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia de 2007 (onde diferencian entre acoso, acoso sexual e discriminación directa e indirecta) e na Lei de emprego público de Galicia de 2015 (artigo 49a). O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, tamén é de relevancia. É interesante que na primeira faise referencia á discriminación na educación (artigos 9 a 12) e nos medios de comunicación (artigo 13). Insístese, asimesmo, na importancia de extinguir a linguaxe sexista, recoñecendo tamén o acoso moral por razón de xénero.

Xa no ámbito universitario, que é o que nos interesa realmente, están regladas as situacións de acoso? A resposta é si, mediante a Lei orgánica de universidades e o Estatuto do estudante universitario. Concretamente, na USC os estudantes contan co Protocolo de Prevención e Resolución de Procesos de Acoso Psicolóxico nas Relacións Laborais e co II Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (2014-2018), asumindo os Principios de Yogyakarta (principios sobre a aplicación da lexislación internacional de dereitos humanos en relación coa orientación sexual e a identidade de xénero).

Analicemos o Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao Acoso Sexual e o Acoso por Razón de Sexo, orientación Sexual e Identidade de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno da sesión ordinaria de 29 de xullo de 2016 e modificado o 27 de outubro do mesmo ano: conta cun preámbulo, no que contextualiza a lexislación europea e española; con III capítulos e cun anexo. Cal é o seu obxectivo?: “Desenvolver unha serie de medidas que teñan como obxecto, tanto a súa prevención a través de campañas de formación, información e sensibilización, como, no seu caso, de actuación ante a súa realización”.

Cales son os principios de actuación? Segundo o Capítulo I, a USC promete respectar e facer respectar a dignidade moral e física de todas e todos, realizando accións de prevención e información (a través de campañas e cursos específicos) e actuando ante un caso de acoso, comprendiendo ao personal docente e investigador, o alumnado e o persoal de administración e servizos, así como o contratado para actividades de investigación (toda persoa que desenvolva o seu traballo na USC, física ou virtual). Contempla outras medidas de prevención coma a realización de enquisas, entrevistas e a aplicación dun criterio de valoración dos contratos.

Os principios nos que se basea o protocolo son confidencialidade, respecto á dignidade, imparcialidade, dilixencia, voluntariedade, seguridade xurídica e garantía de indemnidade. Seguidamente explica o procedemento de denuncia e a conclusión do procedemento. Finalmente, no anexo exemplifica que comportamientos poden considerarse acoso sexual ou por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero.

Porén, cando preguntamos a estudantes de distintas facultades da USC (Filoloxía, Maxisterio, Enfermaría, Filosofía, Historia, Menciña…), só unha minoría coñecía a existencia da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, organismo encargado de supervisar e aplicar o devandito protocolo, e quen nolo proporcionou. E os que a coñecían, era só “porque envían correos. Pero realmente só por iso”, ou “de oídas”.

Como podemos ver, o sexismo arraigado na nosa sociedade está contemplado e regulado na lexislación europea, española, galega e incluso universitaria. Por ende, a causa da súa existencia non radica na falta de medidas legais. Por que é? Historia, educación, sociedade, como vimos nos apartados anteriores. Como poderíamos erradicalo? Pórlle fin? Acaso é unha actitude, un comportamento inherente ao ser humano? Debemos convivir con este perpetuo sentimento de odio e rexeitamento? Hai algunha solución?

Con María Torre, fundadora de arsEróticas, coñecimos as consecuencias que o feminismo pode ter de cara as mulleres en relación con estas actitudes sexistas. Aumenta o medo ou é toma de conciencia dun perigo que existe?

Por un lado, somos máis conscientes. Unha vez que te pós as “gafas moradas” e ves a realidade dende esa óptica, calquera cousa chámache a atención e sáltache a alarma. Entón é un sinvivir constante, porque iso que ti estás vendo de forma moi clara, igual amigas ou compañeiras túas non o ven tan claro e ti es coma esa voz de alarma [...]. Isto, en certo modo, amárgache un pouco a vida -hai que ser sinceiras-, porque [...] tes esa visión que che permite ir máis aló e ver o transfondo.

E iso cambia a nosa actitude como mulleres dalgún xeito?

Fainos máis precavidas porque xa con certos comentarios sáltache alarma. A partir de aí xa estás en alarma sempre, o que nos quita unha parte de disfrute, de placer da vida: nunha discoteca, nunha relación cun home. Así que, por un lado, si. Pero por outro, o feminismo tamén nos arma. O estar precavidas e saber que somos moitas, que nos acompañamos e [...] vaias creando esa sororidade, esa loita en conxunto, tamén nos ampara.

Pode o movemento feminista ter, de certo modo, algunha consecuencia ou aspecto negativo en relación ao comentado?

Por un lado si que considero que [o feminismo] fainos non tanto miedosas, si precavidas. Pero por un lado nos empodera porque “eu agora que sei, agora que teño armas, teño irmáns, compañeiras, un sistema que me avala máis, agora vou a poder enfrontarme a determinadas situacións, a ter en conta a miña propia vontade e a non permitir determinadas actitudes”. Temos as dúas bazas. A cousa está en conseguir o equilibrio de como as manexamos. Sempre imos ter unha loita constante dentro de nós.

Aínda que é certo que o feminismo é un movemento de igualdade de unión, pode crear segmentación e loita entre as propias mulleres. Pode crear disputas, diferenza de opinións, competitividade e culpabilización. Preguntámoslle a María Torre se existe unha parte de culpa nas propias mulleres por non abrir os ollos nesta clase de problemas. A súa resposta foi que somos culpas andantes. Debemos preguntarnos ata que punto temos que regularnos [...]. A división entre as mulleres sempre a vivimos. [...] Hay que ver como traballamos entre nós.

Capela do Senhora Pedro, at Miramar.

Capela do Senhora Pedro, at Miramar.

This is a Shorthand story for reviewPublished stories don't show this section.

GIVE FEEDBACK TO THE STORY OWNER

This feature is not available in landscape. Please rotate your device.

GIVE FEEDBACK TO THE STORY OWNER

More than 4 characters is required
Name must contain only letters, hyphens, apostrophes, full-stops and spaces
Wait, that does not look like a valid email address!
Your feedback was sent to the story owner.
There is been an issue with submitting your feedback.

TEST ON ANOTHER DEVICE

This feature is not available in landscape. Please rotate your device.

TEST ON ANOTHER DEVICE