África, ou o soño europeo
(Ó final deste apartado poderás escoller que historia ler)
O que impide converterse ao Mar Mediterráneo nunha nova praia dos afogados é a voz daqueles superviventes nas costas cara o soño europeo. Un soño que se ve envolto pola bruma dun sistema administrativo que regula ou irregula a súa busca cara unha vida digna: o procedemento de asilo no que se acolle a meirande parte dos casos. Mentres o Estado español avalía a súa posibilidade de estancia, distintos puntos da xeografía galega e española convértense en lugares de paso tutelados por diferentes ONG. Chegar ao Estado español significa para eles convivir cos límites de recursos e de prazas prestadas, cos lindes dun sistema de acollida obxecto de denuncias de varias organizacións.
O Fenómeno
Na nosa infancia falábannos da migración das aves, de norte a sur e de África a Europa, a conveniencia, segundo a tempada, o ciclo climático, o retorno. Ninguén explicara nunca a necesidade de cortarlles as ás para garantir a seguridade da terra. A migración é así unha historia de idas e voltas, de abandonos e reencontros, de fuxidas cara a dignidade negada dende unha orixe que se enraíza na pobreza, nas armas alzadas, na incerteza. Unha historia en ocasións mediada por un mar mortífero cuxas ondas poden chegar a ser fauces que deveñen milleiros de relatos en apenas suspiros contra a area. A ruta mediterránea consolidouse como a máis mortal do mundo. España é, xunto a Grecia e Italia, unha das súa principais portas. Durante 2024, ao menos 3.363 persoas perderon a vida no mar na busca dunha entrada a unha vida digna en Europa, o que supón a cifra de nove mortes diarias de media. Tátase dun mínimo estimado, xa que ademais da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), outras organizacións especializadas calculan que se contabilizan só unha de cada tres mortes. O 44% delas, mortes ou desaparicións, producíronse na travesía cara as costas españolas.
Para as persoas migrantes procedentes de África, o Mediterráneo convértese nunha nova praia dos afogados, nun territorio de conflito máis do que Europa reclama como seu mare nostrum a través dos push-backs e a deriva cara políticas de control e externalización de fronteiras. Aconteceu o mesmo co último barco do século pasado que iría facer as Américas? A ida e volta sitúa aos países europeos no centro, pero esta vez para responsabilizalos.
Con sorte, o mar non é quen de afogar todas as voces dos que tratan de sucalo.
Cando desde o verán de 2024 ata finais de ano Galiza acolleu preto dun milleiro de refuxiados, o Goberno central intentaba aliviar a emerxencia humanitaria das Illas Canarias habilitando unha serie de centros de acollida onde resitualos no territorio. Falábase dunha «emerxencia humanitaria continuada no tempo» —Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galiza— e dunha resposta inicial en pleno verán descoordinada entre administracións e demais organismos implicados. «Despois de conversas coa Delegación do Goberno tratouse de ordenar [a situación do reparto das acollidas], e xa se foi ordenando pouco pouco», explica Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social.
Nese ano Galiza converteuse na cuarta Comunidade Autónoma que máis peticións de protección internacional recibiu —a meirande parte de Colombia e Venezuela, pero tamén os malienses que fuxían da guerra civil do seu país—. Chegou a superar ás Illas Canarias en demandantes de asilo, segundo datos do Ministerio del Interior. Dende hai 30 anos, o arquipélago é a porta de entrada da ruta migratoria cara España, marcada pola precariedade e a nula seguridade. Así, cos decretos de emerxencia en diferentes períodos de tempo, oito organizacións como Accem ou ONG Rescate son as encargadas de xestionar os centros de acollida habilitados por diferentes puntos da cartografía galega: Santiago de Compostela, Bueu, Mondariz-Balneario, Sanxenxo, Os Ancares, Monterroso... cun total de preto de 500 prazas para persoas de Mali, Guinea-Conakri, Senegal, Gambia, etcétera.
Elaboración propia
Elaboración propia
Tanto as ONGs como o director xeral de Inclusión Social sinalan as dificultades de coordinación e planificación, cun contacto marcado pola puntualidade. «O que temos é unha relación directa no caso de entidades de protección internacional», comenta Arturo Parrado, que a define como «unha interlocución continua, porque efectivamente actúa coa poboación inmigrante a través de recursos estatais». Por esta interlocución, a información proporcionada polas entidades sociais era o que permitía á xestión galega solucionar os primeiros momentos «bastante caóticos». Á descoordinación inicial, orixinada por unha «falta de costume a que chegara un grupo [de persoas refuxiadas] tan importante como está chegando», seguiulle unha relación máis estreita Comunidade-Estado e agora «infórmasenos mensualmente daquelas prazas que están ocupadas aquí en Galicia». Planificación, coordinación e financiación estatal son así os tres puntos cos que o director xeral resume as reivindicacións que as Comunidades Autónomas teñen realizado ao Goberno central, principalmente na Conferencia Sectorial de Emigración.
Do outro lado, Ariadna Navarro —responsable provincial de Accem en Pontevedra— explica que, tras ser relevada en Mondariz, actualmente esta organización ten agora un pouco máis de coordinación con algúns dos centros habilitados por ONG Rescate Internacional porque hai persoas que poden pasar ao sistema de acollida e protección internacional. «Tivemos unha primeira experiencia a finais do 2023, cando houbo unha chegada masiva de persoas ás illas no mes de outubro. Entón abríronse os centros de emerxencia. Nós abrimos en Sanxenxo e en Sobrado dos Monxes durante dous ou tres meses. Cando se volve declarar a emerxencia en agosto de 2024, habilitamos outros centros con moitas prazas e xa a partir de decembro, cando finaliza a declaración de emerxencia, as prazas que nós collemos son xa dentro doutro tipo de programa que é Acción Concertada», sinala.
O traslado que se fai desde as Illas Canarias ata os centros do territorio galego pasa primeiro polos Centros de Acollida de Emerxencia e Derivación (CAED), un dos subservizos que forman parte do Programa de Atención Humanitaria que o Goberno central habilita como un servizo de emerxencia estrutural e permanente. «Levan alí uns meses e logo xa veñen aos nosos centros», aclara Ariadna Navarro, quen engade que se dá así «a vantaxe de que xa veñen co resgardo de protección internacional, cun pouco máis de asentamento. Pero, claro, nestes centros grandes tamén a xestión é complicada». A Mérida, Alcalá de Henares, ou Carabanchel. A travesía semella non rematar nas costas para os que foxen dun destino incerto, mediado e imposto por relacións neocoloniais e unha política nacional inestable.
«A min o que me preocupa primeiro de todo é, evidentemente, o benestar das persoas que están alí», diría Ariadna Navarro. «Somos receptores de persoas, quemoitas veces parece que estamos falando non de persoas, senón de mercadorías», subliñaría o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, tras a alegación propia do seu partido –PP– en defensa dunha «emigración legal, ordenada e que poida vir dende a orixe xa cunha visión de ter un contrato laboral en Galicia; temos que ver a emigración como unha oportunidade tamén que se nos dá en Galicia, sobre todo cando temos problemas demográficos e de envellecemento». O pensamento do último barco galego con destino ás Américas tamén flota case indeliberadamente pola mente de Arturo Parrado. El mesmo fai a comparativa e, sen agardar pola pregunta, responde: «É moita a xente que vén buscando novas oportunidades. Igual que o fixemos nós nos anos 40 ou 50, cando os galegos emigraron a países de Sudamérica. Aquí a situación era de moita miseria: viñeramos dunha posguerra. Nós buscabamos unha nova vida, supervivencia e recursos. Na emigración posterior, nos anos 50, 60 ou 70, cando emigrabamos cara Europa, a xente íase cun contrato de traballo, cunhas perspectivas tamén laborais e máis ordenadas».
Persoa refuxiada ou 'sen papeis': o status creado polo Estado
— Coñéceme todo o mundo, pero eu non coñezo a ninguén.
A conversa con Ánxela —nome ficticio para protexer a súa identidade— vese en ocasións interrompida polo saúdo dalgún veciño que entra á cafetería de Monterroso. O Hotel Río Ulla en fronte, a súa porta aberta ao fluxo de persoas que agora atende de forma temporal, pechada ao resto. Traballar na organización que xestiona un dos centros de protección internacional nunha localidade de aínda non 4.000 habitantes supón expoñerse facilmente á atención mediática da veciñanza. Malia as miradas dos curiosos que coñecen a polémica e do feito de que ONG Rescate Internacional se negue, nun principio, a falar con prensa, Ánxela accede a un café connosco.
«Chegar por fronteira en España significa pateira. Todo o mundo ten na cabeza Canarias, pero tamén poden ser as Illas Baleares e algunhas zonas de costa ou incluso saltar a valla de Melilla», explica, engadindo que a «única vía administrativa que teñenn para quedarse, por dicilo dalgún modo, é pedir asilo».
Elaboración propia
Elaboración propia
Coñecer a situación na que se atopan as persoas solicitantes de asilo, neste hotel como noutros, implica desentrañar, interpretar, o sistema administrativo que agochan a estas voces. Ánxela é esta mediación.
Aínda que a súa entrada no territorio poida ser considerada ilegal, a persoa non poderá ser sancionada se reúne os requisitos para ser beneficiaria da protección internacional. Máis de 8.400 persoas solicitaron esta medida de protección durante o 2024, o dobre que hai cinco anos. O que se busca na meirande parte dos casos é poder regularizar a súa situación a medio prazo ou, namentres o Ministerio do Interior non resolva definitivamente o expediente, selar un contrato laboral ou matricularse nalgunha formación. Non obstante, unha consecuencia é o colapso administrativo que alonga os tempos de espera.
Os postos fronteirizos de entrada ao territorio español son un dos lugares nos que se pode presentar a solicitude de asilo. Ao pedila, entrégase unha «Tarxeta Branca», un resgardo provisional que xera un NIE e unha serie de dereitos. Asistencia sanitaria e xurídica gratuíta, cobertura das súas necesidades básicas coas prestacións precisas ou dereito a permanecer no territorio ata que se resolva a súa solicitude. Non poderán ser obxecto de retorno, devolución ou expulsión durante este período de máximo 60 días. É dicir, obxecto das devolucións en quente ou push-backs, que organizacións como Amnistía Internacional teñen criticado. Pois na práctica, téñense producido. Na práctica, as persoas acollidas en centros como o Hotel Río Ulla poden agardar un ano, dous ou tres ata que reciben unha resposta que non debería tardar máis de seis meses.
En España, o 71,5% das devolucións realizadas en 2023 foron forzosas. O número de migrantes irregulares aumentou nun 39% no ano 2023.
— Se a súa carta [a Tarxeta Branca] é «non», convértense en persoas irregulares, migrantes irregulares, o que popularmente todo o mundo chama «sen papeis». Pero son persoas que ata que non chega a resolución aquí están legais. Entón, paréntese, dentro do mundo dos «sen papeis», moitos xéraos o propio o Estado.
O espazo entre este «si» ou «non» é a transición cara a identificación como persoa refuxiada, co recoñecemento dos dereitos correspondentes —pola Convención de Xenebra, pola normativa europea—, ou cara o retorno, a devolución, a saída obrigatoria do territorio español ou o traslado ao territorio do Estado responsable do exame da solicitude de asilo das persoas que o solicitaron.
En realidade, determinar cara que lado se inclina a resolución depende, en grande medida, da orixe da persoa solicitante de asilo. Pedir refuxio por lei significa ser susceptible de estar en risco grave de non poder sobrevivir no país que ata entón era teu. Mais Ánxela coincide na crítica que organismos como a CEAR teñen realizado nesta cuestión: os Estados teñen a obriga de avaliar as solicitudes de xeito individual; o certo é que se adoita analizar «a seguridade» do país de orixe, con toda a ambigüidade que posúe este concepto. A día de hoxe non existe unha lista única de países seguros compartida por toda Europa. De existir, a persoa solicitante de asilo seguiría tendo o dereito de refutar a presunción de seguridade. A realidade?
— Mali sempre si, coa guerra xihadista, teñen a protección subsidiaria de 5 anos. Somalia, sempre si. Burkina Faso, máis ou menos, moitos si. O resto, que son Congo, Mauritania, Guinea Bissau, toda esa zona que sería África oeste, non. Falo especificamente da ruta canaria e de África.
— Senegal, denegación.
Ariadna Navarro e Ruth completarían o relato de Ánxela no Hotel Baixamar, de costas á praia de Areas e incidindo na dificultade da situación, de «detectar determinadas historias». O departamento xurídico de Accem en Vigo trataría, así, de ofrecer apoio aos centros de atención humanitaria e de identificar se hai realmente casos susceptibles de aportar probas ou de elaborar informes engadidos. Demostrar que un sufriu unha situación de abuso ou de persecución non sempre é sinxelo e por iso «son casos que hai que megachoiarse a tope».
Elaboración propia
Elaboración propia
Pola súa banda, Miguel Fernández, voceiro e coordinador do Foro Galego de Inmigración, asegura que «efectivamente hai un aumento importante nos últimos anos que ten que ver coas limitadas formas de entrada regular no Estado Español». O novo regulamento —en vigor dende o 20 de maio— introduce algunhas melloras, pero non as suficientes para Miguel Fernández, que sitúa o problema na escaseza de vías de entrada regular minimamente accesibles, a pateira sendo o recurso ante a imposibilidade de conseguir visados, na lentitude do labor administrativo, «cando, por outra banda, estas persoas son imprescindibles para o funcionamento da nosa economía».
O American dream é tornado en soño europeo, descuberto mito, e trata de non afogarse non só no mare nostrum daqueles que sinalan a estas persoas como “Outro” e “Estranxeiro”, senón, ás veces, tamén nas propias rúas dun país que lles recorda que non é seu. Os servizos sociais municipais teñen a competencia de atender necesidades de urxencia coma estas, pero tamén hai recursos da Comunidade Autónoma. A dirección xeral de Inclusión Xeral afirmaría que «ninguén queda na rúa» ao seren atendidos por estes servizos municipais ou polas entidades, aínda que «sen quitar as nosas responsabilidades, que si que estamos financiando tamén a estas entidades, [as persoas ás que se lle negou o asilo] non pasan a depender da comunidade autónoma». Colabórase, finánciase con axudas directas, búscanselles alternativas, comenta Arturo Parrado, quen, ademais, afirma que «non se lles denega [a solicitude de asilo] porque si. É que xa se lles denegaba antes, non reúnen os requisitos. Pero claro, agora son máis».
A maioría acaban sendo acollidos por familiares de familiares. En xeral, o destino de buscarse un mesmo a vida continúa. Como admiten desde Accem, os recursos de acollida externos ao sistema de protección internacional están saturados e as alternativas son poucas: traballos en B ou no campo. A organización colabora con proxectos que traballan con persoas en situación irregular, en agricultura ou gandería, pero con prazas limitadas. En abril deste ano, seis refuxiados de orixe maliense durmían nas rúas da Coruña tras esgotar o límite de estancia de quince días no albergue de Padre Rubinos. Non atoparon outra alternativa de aloxamento. Nin Cruz Vermella nin Accem nin outras entidades contaban con prazas para eles.
Situacións coma esta evidencian os límites do sistema de acollida. «Mentres as políticas non se dirixan a evitar estas situacións de irregularidade administrativa, non teremos unha situación razoable para as persoas migrantes no Estado español», denuncia o voceiro do Foro Galego de Inmigración á vez que reivindica a necesidade de alternativas.
A temporalidade do refuxio
68 persoas habitan o Hotel Baixamar en Sanxenxo. 68 voces, 68 historias diferentes, tantas nacionalidades distintas que, se non fose polo dominio políglota, o hotel podería chegar a ser unha Torre de Babel. Unha torre con cafetería, terraza e clases de español. É mércores e ao día seguinte chegarán dúas persoas máis. Cubriranse así as 70 prazas coas que conta o Hotel Baixamar que, dende o verán pasado, tras unha primeira experiencia en 2023, non é un hotel. Tampouco, unha torre. Dende o xullo pasado volve ser un dos centros de acollida en Galiza das persoas migrantes obxecto do reparto obrigatorio.
— Ó final viñeron aquí por un motivo, que é escapar en moitos casos de situacións violencia, guerra, etc. E para dar unha oportunidade de mellora á súa familia. Entón claro, é combinar moitas cousas en moi pouco tempo.
Ariadna Navarro leva lentes de sol, pero non o chaleco azul mariño de Ruth, que a distingue como traballadora de Accem naquel centro. As dúas reflexionan sobre a cobertura que os medios de comunicación deron do seu caso —da inmigración en xeral—, e critican as mentiras que habitan nas redes sociais, a economía do conflito. Celebran a boa relación coa veciñanza, neste concello como noutros —Mondariz, Bueu —. Falan do tempo, en meses, días, case sempre insuficiente. A porta deste hotel divide o espazo nun «dentro» e «fóra» e convérteo nun «mentres», a torre devida en estación de paso. Así e todo, o ideal para centros como o Hotel Baixamar é que os seus «usuarios» poidan levar a súa vida fóra del canto antes. Que sexan autónomos e «ir voando». Aínda que hai varias casuísticas, 18 meses é que o adoita durar o itinerario. E se resolven a súa demanda de asilo antes? 6 meses dende que son notificados. 15 días se é negativa. Agora están sendo resoltas moi rápido, segundo explica Ruth, e isto xoga na súa contra.
— Son mozos bastante dependentes, polo tema do idioma, polo tema do descoñecemento da sociedade. No caso que se lles resolva moi rápido a súa resolución, pois, tampouco podemos facer milagres.
Mentres, persoas como Moussa Camara e Nouhoum Taraore, agardan, agora na terraza, neste momento marcado pola distancia do idioma, cando Ariadna e Ruth continúan narrando o transcurso dos días tras aquela porta situada ás nosas costas. O itinerario é distinto segundo a persoa que o estea levando a cabo. Algúns van a formación laboral pola mañá, outros pola tarde. Algúns traballan en horario de mañá, outros de tarde. Os que non están formándose nin traballando son os que levan menos tempo no centro e teñen menos nivel de castelán. Neste caso, a mañá ocuparíase con clases de español «co compañeiro Pablo» e as tardes, con obradoiros e actividades de lecer «con Alba». Obradoiros enfocados no seu itinerario social, laboral, formativo, en temas de contextualización sobre a sociedade, en temas laborais —que é un contrato, que é unha nómina, que dereitos teñen— ou en temas de saúde —como funciona o sistema sanitario—.
«Oumou Sangaré es de Mali cantante de música para todas las mujeres en bambara. Nouhoum» e a bandeira de Senegal debuxada a carón destas maiúsculas.
Máis folios coma este adornan unha das paredes do vestíbulo do hotel, resultado das clases de español.
«Fatou Lissan Barry es de Guinea, es una cantante de Guinea nació en 1965».
«Comba Sidibe es una cantante en Mali, 1953. Nahawa Doumbia es cantante de Mali, 1959. Adama-Traome».
Non esquecen as súas raíces, a carga emocional que portan e portaron ao longo dunha travesía non menos conflitiva. Por iso, tamén se ocupan de dar resposta ás necesidades de cada un. Moitos precisan de máis tempo para deterse, asentarse, coller ritmo e adaptarse a unha nova cotiandade, quizais máis amable. É necesario dun acompañamento máis exhaustivo para atender, e entender, estas vulnerabilidades presionadas pola urxencia de cartos nos seus fogares.
— Esta é a fórmula máis barata que atopou o Goberno de ter pisos, de centros de acollida —. Resoa a opinión de Ánxela daquela conversa en Monterroso.
O funcionamento interno no centro xestionado por ONG Rescate Internacional non se diferenza tanto do de Accem. Ánxela tamén falaba do tempo: a posibilidade de saída dende as 7.00 horas; almorzo a partir das 8.00 horas; ás 22.00 da noite, o peche, e rapidamente fóra, ao mercado laboral. Do servizo de comida, de teito, de acompañamento administrativo mínimo. Do número de prazas, que é diferente no Hotel Río Ulla: 130, co ir e vir de persoas definindo a totalidade ou non da ocupación. A rapidez das partidas marcadas pola presión das chegadas, asegura Ánxela, ao haber 65.000 prazas de protección internacional e 240.000 demandantes. Naquel día de marzo no que transcorría a nosa conversa, o hotel albergaba 112.
— Pero vas a Cartaxena e hai 1.200. Vas a Mérida e teñen 3.000 persoas. E son carpas moi grandes. Que penso eu? Que isto vai durar moito.
De discriminacións, vulneracións e complexidades
Ademais da organización que leva a súa xestión, ademais dos seus tempos, o centro de protección internacional de Monterroso tamén se diferenza do de Areas noutra cuestión. En febreiro deste ano dous usuarios foron obrigados a abandonar o centro que até entón os tutelaba. O seu liderado nas protestas contra o trato discriminatorio por parte do persoal sería o motivo dado pola Delegación do Goberno en Galicia e polo persoal de Rescate Internacional. Ánxela non pode entrar en detalles, baralla na sutileza da linguaxe e atopa resposta no reproche por unha situación «nada agradable tras o esforzo posto na articulación do centro dende o 29 de agosto». Porén, se as persoas refuxiadas no Hotel Río Ulla decidiron manifestarse ao longo dunha semana é debido ao trato discriminatorio recibido por parte do persoal da ONG Rescate Internacional.
Actualmente dita organización está sendo investigada pola Garda Civil. O motivo é outro. De Monterroso trasladámonos a Mondariz-Balneario. Neste dispositivo de acollida —operativo dende o verán pasado e pechado dende maio de 2025— varios voluntarios migrantes denunciaron á ONG Rescate Internacional por explotación laboral e trata de persoas. Aseguran que estaban traballando a cambio de 50 euros semanais. Carlos Osorio é a cara visible das denuncias á ONG Rescate Internacional.
Carlos chegou a España como solicitante de asilo hai máis dun ano. «Coñezo unha traballadora social que me explica a existencia dun proxecto moi bonito coa ONG Rescate, que estaba solicitando persoal para facer voluntariado». A proposta non distaba das colaboracións que anteriormente tiña realizado co colectivo Interlavapiés, polo que se pon en contacto con Carlos Echánove, director da organización.
Ese foi o primeiro contacto de Carlos coa ONG Rescate, en decembro de 2024. Na chamada telefónica con Carlos Echánove, director da organización, Osorio explicaría a súa situación. «O primeiro que me preguntou foi: ‘ti tes papeis?’. Eu dixen que non, e preguntoume ‘traballas?’, e contestei que non, porque non tiña papeis», aclara. Echánove pediulle que mandara o seu currículo, ao que contestou que estaba «máis que cualificado», e conviñeron en que Osorio se trasladaría a Galicia a primeiros de xaneiro.
Ao chegar ás instalacións de Mondariz-Balneario, e antes de que Carlos puidese deixar a súa equipaxe na habitación, explicáronlle que labores tería que desempeñar, e comezaría o seu traballo como voluntario. «Chegamos ás 14:00 horas, e estiven até as 22:00 aproximadamente traballando. Aí foi cando me dixeron que me podía ir á habitación, que non sabía nin cal era», di. Esta non estaba no mesmo hotel, senón nunha escola dentro do complexo.
Ao pouco da súa incorporación foi asumindo labores que inicialmente non lle correspondían, dende técnico de acollida, vixiante do comedor ou profesor de castelán de xeito amateur. Segundo explica, a razón reside na escaseza de persoal: catro persoas para atender a 300 usuarios. Asegura que non asinou ningún contrato ou documento vinculante e que unicamente percibía 50 euros semanais por voluntariado, que «non eran para nós, eran para envialos ás nosas familias, porque nós somos xefes de fogar, traballamos polas nosas familias, non para nós».
O de Osorio non é un caso illado no complexo do Hotel Cemar de Mondariz. Outros compañeiros —cos que non puidemos contactar— tamén denunciaron pública e legalmente estar vivindo esta situación. Segundo puido observar Osorio, varias persoas traballadoras no centro
eran orixinarias de países de Latinoamérica como Colombia ou Venezuela que, como el, tampouco posuían a documentación necesaria para traballar no Estado español de forma legal. Feito que conduciu a Osorio e a outros compañeiros a categorizar a súa situación como vítimas dun delito de trata de persoas e de explotación laboral: «buscan a persoas vulnerables para explotalas».
Outra cuestión que puido apreciar Osorio foron as pésimas condicións de atención e servizo que Rescate lles proporcionaba aos seus usuarios. Pouca e mala calidade de comida —«papa con papa»—, insuficientes útiles de aseo —«unha pasta dental para mes e medio ou dous meses, e o mesmo pasaba co xabón»— e menciñas. Moitos dos usuarios tiñan problemas dentais, na súa maiora causados por problemas de hixiene, que lles causaban moita dor. «Ían á oficina e a orde era que lles dixeran que non, que foran á farmacia a mercalos eles mesmos cos seus cartos», explica Osorio.
O venres 25 de abril, relata, a Garda Civil apareceu no dispositivo de acollida presentándose como policía xudicial e cunha inspección de traballo. «Sabíano todo, sabían que non tiñamos nin DNI nin pasaporte nin nada». Posteriormente, os voluntarios son chamados a unha reunión coa coordinadora dos centros en Galicia, onde se lles pide que asinen uns acordos de voluntariado. Até ese momento, segundo explica Osorio, nunca foran convocados a ningún encontro, nin tampouco asinaran ningún tipo de documento conforme estaban a realizar ese labor de carácter voluntario. O acordo que lles propuñan dende Rescate era firmar este papel, con data de xaneiro até agosto —acción que os voluntarios non podían levar a cabo por orde policial—. «Aí comezou o inferno», narra Osorio.
Dada a gravidade dos feitos, acaecidos en venres, o propio director da ONG, Echánove, desprazouse até Mondariz-Balnerario o luns para falar persoalmente con Osorio e trasladarlle a mesma proposta. «Díxome ‘vouche dar até mañá para que o penses’. Eu dixen que non tiña nada que pensar. ‘Estasme a pedir que incorra nun delito, boicotear unha investigación policial, non podo facer iso’». Ante a súa negativa, rescindíronlle o contrato de voluntariado; podía seguir durmindo e comendo nas instalacións, pero sen percibir compensación económica. Por outra banda, informáronlle de que os cartos que aínda lle debían polo traballo de semanas pasadas non serían pagados até que firmase o acordo. «Sabe quen son os únicos que comen e dormen sen facer absolutamente nada máis? Os animais. Pero é que nós non somos animais, somos seres humanos», contestou Osorio.
Pola súa banda, Carlos Echánove, director xeral da ONG Rescate Internacional, negounos a publicación da súa versión.
Carlos Osorio ten unha ampla experiencia no sector sindical. Primeiro en Suecia, continuando o seu labor social no Estado español, onde se afincaría en Madrid. O seu currículo complétase cun voluntariado xunto co grupo ADELA —Grupo de Autodefensa Laboral, colectivo de avogados españois que loita polos dereitos laborais dos traballadores inmigrantes—, e coa pertenza ao Ateneo Libertario de Carabanchel-Latina.
Posteriormente crearía o colectivo de traballadores inmigrantes da Praza Elíptica, sitio coñecido e concorrido por traballadores indocumentados. «Ás veces chegan persoas en vehículos a recollelos para levalos a facer diferentes labores. Estas persoas son vulnerables, non teñen documentación. Moitos deles viven na rúa ou no aeroporto», relata Carlos. En colaboración coa Red Interlavapiés, conseguiron abrir contas bancarias e o dereito ao padrón para os casos máis vulnerables —«aínda que todos son vulnerables», afirma Carlos—, así coma uns vales de comida e servizo de hixiene.
Ou segue lendo
Elaboración propia
Elaboración propia
Elaboración propia
Elaboración propia
Zang, ou o sorriso de África
Así, e cun sempiterno sorriso no rostro, presentábase Zang. Orixinario de Gambia, o país máis pequeno de África, o mozo de 23 anos explicaba a súa historia migratoria. O camiño que os beizos trazaban sobre as súas fazulas, deixando entrever os dentes, branquísimos sobre a súa pel, lembraba ao nome popular que recibe o seu país de orixe: o sorriso de África.
Zang era un neno ledo e libre. Un neno que ía a escola e xogaba ó fútbol. Un neno que vivía coa súa familia nunha casa grande, que se erguía polas mañás cedo para ir á escola e, cando volvía, axudaba coas tarefas do fogar. «Ía ó mar a buscar ostras coa miña tía», relata.
El saíu dende Banjul, a capital gambiana, coa súa irmá maior. Tras facer escala en Barcelona, aterraban na Coruña, onde os agardaban os seus pais e dous dos seus irmáns. «Meu pai levaba moitos anos fóra, pero non emigrado. El traballaba nun pesqueiro e viaxaba até Marrocos, Mauritania… Foi cando decidiu quedar xa en España. Estivo en Madrid durante cinco anos, e coa crise de 2008 veu a Galicia». Logo diso, o desprazamento da familia continuaría cos seus dous irmáns maiores e a súa nai.
Namentres, el continuaba os seus estudos alá, cursando o equivalente a 4º da ESO. Sería finalmente en 2018 cando viaxaría a Senegal para facer o seu visado —xa que en Gambia non hai embaixada española— e, así, poder ir a España. «Souben que viña para aquí con catro meses de antelación, máis ou menos, porque facer o visado nos levou tres meses. Miña irmá e mais eu, que viaxamos xuntos, non sabiamos se tiñamos o visado ou non. Avisáronnos de que viñamos aquí tres días antes», di. Para conseguir ese documento, Zang confesa que o proceso é difícil, e os prazos, variables. «Hai que ter algo de sorte, e tamén moitos cartos».
A viaxe en si di que foi «emocionante».
Unha vez aquí, a ONG que lle asistiu no seu proceso de adaptación foi Accem, organización que descubriu grazas á súa familia. «Foi a mesma ONG que axudou ós meus irmáns cando chegaron á cidade, e eles leváronme alí para que tamén me puideran axudar», conta. A atención prestada baseouse na doazón de material escolar e no ensino do idioma e da información necesaria para dar uns primeiros pasos máis autónomos.
«Aprendín o español con Accem, que é a ONG. Eu ía pola mañá, ás nove da mañá alí, a clases, e saïamos ás 12. Chegaba á casa e puña na tele a unha chica mexicana que daba clases de español. Pero facíao en dous idiomas: falaba en español e traducíao ao inglés. Entón, eu, como falo inglés... Fun aprendendo», relata. «Vía moito unha serie española. E Bob Esponja tamén, claro. Entón todo iso foron métodos para poder estudar e aprender o español», explica. Asimesmo, o seu carácter sociábel contribuíu a que fose adquirindo máis destrezas no idioma. «Falo moito coa xente no barrio». Porén, non se esquece dun piar clave neste proceso: «O fútbol foi fundamental para min», confesa.
Zang chegaría en maio de 2018, incorporándose a finais do curso escolar. Metérono en 4º da ESO, nivel que estaba realizando en Gambia antes de vir. Porén, o profesorado falou con el para comunicarlle que o seguinte ano escolar tería que repetir o curso, pero que tiña máis opcións. «Foi cando dixen ‘con tal de estudar, váleme’. Por iso cambiei e fun a unha FP básica». Despois comezaría a traballar, coincidindo coa chegada da pandemia. Xa coa situación sanitaria de volta á normalidade, continuaría a súa formación co ciclo medio. «E agora estou traballando, intentando probar novas cousas, innovar e ampliar os meus estudos para poder mellorar o meu nivel de vida», comenta.
Sumando o apoio da familia e da ONG, o camiño cara a integración de Zang foi máis amábel, aínda que non exento de dificultades e morriña. Agora planea vivir na Coruña, «pero, á vez, gustaríame non botar en falta o meu país».
Zang na Marina (A Coruña). Foto: María Rey
Zang na Marina (A Coruña). Foto: María Rey
Zang na Marina (A Coruña)
Zang na Marina (A Coruña)
Zang na Marina (A Coruña)
Zang na Marina (A Coruña)
Zang na praza de Monforte (A Coruña). Foto: Iria D. Pombo
Zang na praza de Monforte (A Coruña). Foto: Iria D. Pombo
Abdoul, ou o sorriso internacional
O sorriso de Zang vese reflectido noutra xeración, noutra orixe, noutra historia. A súa terra —Gambia—, embebida noutra. Senegal, fogar da teranga, país de nacemento de Abdoul Gaye.
Abdoul, tras levar 20 anos na Coruña, está agora camiño dos 68 —«un pouco vello, eh?», bromea— e xa é amplamente coñecido pola comunidade local. Quedamos con el no Chaflán, bar popular entre a cidadanía coruñesa de todas as idades e segunda casa de Abdoul. «Quito a boina ou déixoa posta?», preguntaba co seu característico sorriso. Non sen antes achegarse aos presentes co seu saúdo particular — ‘que tal guapa do mundo mundial universal internacional?’—, sentaba na mesa do fondo, diante dunha foto enmarcada na que sae el, posando cun aceno alegre.
O seu relato está tinguido por unha visión optimista da vida, por unha forza de vontade que o fixo saír do seu país de orixe —Senegal— con 25 anos para buscar unha vida mellor. «Cando es inmigrante, hai que levantar. Tes que saír da túa casa para buscar algo, hai que aguantar todo. O bo e o malo, todo». Así, o primeiro país —fóra do propio— onde probou sorte foi en Mauritania, territorio fronteirizo co norte de Senegal e onde pasaría os próximos 20 anos compartindo habitación —que non piso— con sete persoas. Eran os 80. Naquela época, a relación entre ambos países estaba marcada por fortes tensións sociopolíticas, o que fixo que a súa estadía fose dura —aínda que, confesa, «en Mauritania tamén hai boa xente, tiña moitos amigos que me traían comida, coma aquí tamén»— e volvese a Senegal «sen nada. Sen zapatos, sen nada».
A relación de Abdoul co Chaflán comeza a raíz dunha anécdota con Anuska, a muller que rexenta o local xunto co seu home Rafa. «A primeira vez que vin aquí, un rapaz que estaba pagando na barra faloume mal, pero eu non entendía nada de español daquela. Anuska devolveulle o cambio e díxolle ‘fóra. Aquí non se fala mal a ninguén’. Por min non pasaba nada, pero ela contestoume ‘non. Nin a ti negro, nin a min branca’», relata.
O vínculo iría medrando con cada visita, con cada cunca de café, con cada ‘mundo mundial’, até 2020, ano no que faleceu a nai de Abdoul en Senegal. Nunha das moitas tardes infinitas que se tecen a través do fume das infusións e do tintinear das culleres, Abdoul contoullo a Anuska. Ela puxo un anuncio en Facebook para que, quen quixese axudar, doase cartos destinados a mercar unha pasaxe de avión a Senegal e que Abdoul despedise a súa nai do xeito que merecía. O resultado foi tal que os gastos durante a súa estadía no país africano estiveron cubertos, así como o billete de volta —cinco meses despois, por mor da pandemia—.
«Cando faleceu a miña nai, Anuska puxo un anuncio en Facebook. Eu non o sabía», explica. A raíz desa publicación, a xente comezou a deixar cartos no Chaflán. Foi un amigo de Abdoul quen lle avisou, dende Senegal, do que estaba ocorrendo. Xa estaba el no aeroporto para mercar a pasaxe de avión, cando Anuska chamou. «Onde estás?», preguntou. «Non collas o billete, non o collas. Ven aquí». Cando finalmente entrou no Chaflán, Abdoul non podía parar de chorar. «A xente viña, botaban diñeiro, diñeiro... Cando cheguei aquí, eu choraba, choraba. Tiven que ir ó baño a lavar a cara, non podía. Tres veces eu laveina», relata.
Tanto diversas televisións coma radios acudiron ó lugar para facerse eco da noticia. «Unha televisión entra, remata de gravar, sae, vén outra...», di. Incluso levárono até o aeroporto. Deuse un momento de absoluta humanidade na súa máis pura esencia, un momento para sempre marcado na memoria de Abdoul, cando este subía ao avión en Madrid con destino á súa terra natal. O piloto foi onda el, sabendo quen era, e comunicoulle que non viaxaría no asento asignado, senón nun de primeira clase. «Cando chegamos a Dakar, o piloto pechou a porta e dixo: "Antes de que unha soa persoa baixe do avión, primeiro baixa Abdoul". E sacou fotos comigo. A primeir persoa que baixou do avión fun eu», cóntanos Abdoul cun sorriso tenro e orgulloso.
Por mor da pandemia, e a pesares de intentalo varias veces, finalmente retornaría ó seu segundo fogar, A Coruña, cinco meses máis tarde. Un ano despois, en 2021, Anuska —en representación do Chaflán— e Abdoul participarían nun anuncio para Estrella Galicia e La Casa de Papel, no que contan a historia do bar e da súa relación. Nel, Abdoul amósase retratado co seu sempiterno carriño, medio de subsistencia e fiel compañeiro que leva ás costas das súas rodas quilómetros coruñeses. «Vendo pulseiras e máis complementos. Ás veces ando até as cinco da mañá, e volvo a casa. Aínda que teña pouco, 30 ou 40 euros», comenta.
Co café xa rematado, o vaso de vidro irrisorio entre as súas mans grandes, comparte connosco —séntese coma unha confidencia— de onde vén o famoso nome polo que é coñecido, ‘Mundo Mundial’; a frase co que saúda a todo o mundo, unha expresión e alcume xa identitarios de Abdoul.
Porén, por moito que o seu sorriso se coñeza no mundo mundial universal internacional, o seu corazón está no fogar, en Senegal.
Abdoul posando na terraza do bar Chaflán (A Coruña). Foto: Iria D. Pombo
Abdoul posando na terraza do bar Chaflán (A Coruña). Foto: Iria D. Pombo
Abdoul sentado na mesa do fondo do bar Chaflán (A Coruña), diante dunha foto enmarcada onde aparece el. Foto: Iria D. Pombo
Abdoul sentado na mesa do fondo do bar Chaflán (A Coruña), diante dunha foto enmarcada onde aparece el. Foto: Iria D. Pombo
Abdoul posando na terraza do bar Chaflán (A Coruña). Foto: Iria D. Pombo
Abdoul posando na terraza do bar Chaflán (A Coruña). Foto: Iria D. Pombo
Se queres ver o vídeo completo sobre a historia de Abdoul, preme aquí
Se queres ver o vídeo completo sobre a historia de Zang, preme aquí
A historia de Moussa e Nouhoum
O día que coñecemos a Moussa e Nouhoum era cálido. O camiño en coche até Areas —onde quedáramos con eles— fixémolo coas xanelas baixadas, deixando que a airexa quente xogara co noso cabelo e trouxera promesas de verán. A casualidade quixo que ese día de abril se erguera coma unha ponte climática entre África e Galiza, esvaecendo esa fronteira entre ‘nós’ e ‘os outros’.
O Hotel Baixamar, lugar de encontro e establecemento temporal de acollida dos dous mozos, erixíase a pé de estrada, gardián da praia. A idea coa que nós iamos era a de falar con Ariadna Navarro —responsable provincial de Accem en Pontevedra—, para que nos contase o proceso detrás da recepción dunha persoa migrante: prazos, documentación, lexislación vixente, competencias da ONG. Porén, ó chegarmos, agardábannos cunha sorpresa —ou quizais deberiamos dicir dúas— con nome e apelidos: Moussa Camara e Nouhoum Traoré. Dous rapaces tímidos que ficaban de pé, dispostos a compartir a súa historia connosco.
O pole danzaba co sol mentres sentabamos nas cadeiras que prepararan para nós na terraza, unhas cadeiras tan propias dunha tarde de estío que dotaban á escena dunha peculiar cotiandade. De fondo, cancións de afrobeat enlatadas e múltiples conversas e saúdos en diversos dialectos —de cando en vez identificabamos un ça va? ou un allô?—; incluso algunha mirada curiosa.
Tras comentarnos o día a día no hotel e o método de traballo de Accem —ONG encargada da xestión do Hotel Baixamar—, era a quenda de Moussa e Nouhoum. Para iso foi imprescindible a labor de tradución de Ruth, responsable de Accem no hotel. De igual modo que o sol dese día foi unha ponte climática, Ruth resultou selo dun xeito idiomático. O francés colonial de Mali e Guinea Conakri viaxaba dende Nouhoum e Moussa e, tras miles de quilómetros, atravesaba a ponte que Ruth tendera para acabar chegando aos nosos ouvidos en castelán.
Elaboración propia
Elaboración propia
Moussa Camara, guineano de 28 anos, relataba con voz grave o seu proxecto migratorio. Un lustro e tres países despois chegaría ao que é, cando menos polo de agora, o seu destino. Parte de Guinea Conakri por mor do asasinato do seu pai tralas eleccións nacionais de 2020. O 18 de outubro de 2020 celebraban en Guinea as votacións a nivel estatal mediante o sistema de balotaxe ou segunda volta electoral —polo cal se realiza unha segunda elección limitada aos candidatos máis votados nunha primeira rolda, no caso de que nesta primeira volta ningún obtivera maioría suficiente—.
O pai de Moussa, político do partido gañador, sería unha das persoas que perderían a vida a consecuencia das tensións sociopolíticas do país. A raíz da súa morte, Moussa iniciaría o seu proxecto migratorio cara España. Así, sairía dende Guinea Conakri no 2020 para recibir o novo ano en Senegal, territorio onde pasaría os próximos tres anos facendo pequenos traballos. Cando tivo os cartos suficientes e as condicións o permitiron, continuaría o traxecto, esta vez por mar, até El Hierro. Transcorridos tres días é trasladado a Tenerife, onde permanecería un mes. De alí é trasladado á península, a Alcalá de Henares. Tras cinco meses máis —tres deles recibindo clases de español—, asentaríase finalmente en Areas, onde agora se atopa.
A El Hierro tamén chegaría Nouhoum Traoré, maliense de 29 anos. O seu pai non era político, era comerciante. No seu país non se fixo un referendo ilícito para modificar a Constitución en 2020, pero si un golpe de Estado no mesmo ano polo descontento popular que xeraba o liderado corrupto do entón presidente Ibrahim Boubacar Keïta —habería un segundo golpe en 2021 por tensión internas dentro do propio goberno de transición—. As situacións pode que sexan diferentes, pero o resultado é o mesmo. Nunha das viaxes de traballo que realizaba o pai de Nouhoum, este foi asaltado e asasinado. Nouhoum emprendía, igual que Moussa, a súa partida. Dúas historias alleas pero irmás, que acabarían por atoparse nesta pequena localidade galega.
Elaboración propia
Elaboración propia
A ruta seguida por Nouhoum pasaría por Mauritania, dende onde collería a embarcación até El Hierro. Viviría catro días coa incerteza salgada de se conseguiría experimentar nas carnes propias a promesa do soño español. Igual que Moussa, sería transferido a Tenerife, e de aí a Mérida. Tras case medio ano tráeno a Areas, onde semella que todo comeza a fluír.
Tan só pasara media hora dende que coñecemos a eses dous rapaces e xa nos empapáramos do seu relato migratorio. A imaxe do pole que esmuxicaba co sol e facía engurrar os ollos devolvíanos, devagar, ao momento presente. Transportábanos de volta a Areas, esmorecía o vaivén das ondas e o fedor pneumático. Abraiaba pensar que Moussa e Nouhoum compartiran a súa historia de forma voluntaria, xa cando a entrevista tocaba o seu fin, sen terlles que facer unha pregunta directa. No seu ollar levaban intrínsecas as guerras dos seus países, pero tamén as propias. As súas verbas trazaban o sendeiro percorrido até chegar aquí; a saudade reprimida lembraba á nosa, anos atrás, cando faciamos as Américas. O encontro con eles foi, dalgún xeito, ese punto de unión entre os que foron e non tornaron, e entre os que veñen e non volverán.
A historia de Ousman e Goodluck
O percorrido dos recomezos
A ruta do estranxeiro posúe un destino dilatado no espazo, aínda que o propósito de arribar tan transitoriamente aos diferentes lugares do percorrido sexa o mesmo: fuxir cara unha nova vida. Sobre recomezos tratan as historias que se hospedan nos centros temporais. «No futuro espero que que os meus tres fillos veñan aquí para vivir». Ousman ten 34 anos e —ata este momento— vive no Hotel Alda Bueumar dende hai catro meses. O seu “aquí” é, en parte, incidental. Antes de que os tempos e as directrices políticas marcasen o municipio pontevedrés como dirección final, a travesía de Ousman, orixinario de Mali, compoñíase doutros tantos territorios temporais: Mauritania, un mes; embarco a Gran Canaria, dous meses; Alcalá de Henares, tres meses; Mondariz-Balneario, catro meses. A de Ousman é unha ruta perfilada pola auga de dous xeitos. El é pescador por herdanza, pois continúa o oficio ao que se ten dedicado a súa familia en Mali. Logo o barco de pesca trocaríase por unha embarcación cara Canarias xunto a outras 50 persoas. A súa familia quedaría atrás. A partir de aí a herdanza costeira comezaría a desdebuxarse.
«En Mali hai guerra. O pobo está en guerra», explica nun castelán tímido.
Espazos coma estes, aquí en Bueu, permiten a persoas como Ousman trazar os seus novos horizontes. Coa resolución de asilo xa favorable, abandona o mar e os anzois por unha nova cotiandade atravesada por unha profesión distinta. A súa relación coa veciñanza bueuensa é amable, aínda que non coñece a moita xente. Así é que a nova ida e volta de Ousman está marcada polos tempos de traballo, fóra do hotel, e da súa formación en español, para á que regresa ao hotel pola tarde. Está contento.
Mais a transitoriedade dos espazos non remata necesariamente co forxamento dunha cotiandade lonxe dos sons das armas. O Goberno central, dando por finalizado o plan de emerxencia no que están integradas as persoas acollidas, anunciou dende abril o peche de varios centros temporais habilitados para facer fronte a situacións excepcionais de chegada de persoas inmigrantes. Aos de Ribeira de Piquín, en Lugo, e Sobrado, na Coruña, seguiríalles o peche de maio dos centros de Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, e o de Mondariz, en Pontevedra. A alternativa que se baralla dende as administracións públicas pasa pola recolocación destas persoas noutros dispositivos de acollida dentro do territorio galego ou, no caso de pecharse todos estes centros temporais, aos macrocentros como os de Mérida, Cartaxena ou Alcalá. Pode que o horizonte de Ousman se trace na costa de Bueu. Pode que outras persoas non conten coa mesma posibilidade de integración que lles ofrecen as vilas pequenas.
Do sorriso dos novos horizontes entende Goodluck, de 25 anos. Seguindo o espírito do seu nome, sente que a súa boa sorte arribou xunto a el cando coñeceu os brazos abertos da veciñanza do país e a atención profesional de distintas ONGs. Lonxe dos sons das armas, sénteo coma un privilexio. «Derramei moitas bágoas [o primeiro día que cheguei a España]. Sentinme aliviado por vir a un país onde podo recomezar a miña vida e perseguir o meu futuro, os meus soños, os meus obxectivos. Eu escapei da morte e este país aceptoume. Déronme amparo, un refuxio, un aloxamento para durmir e están tratando de proporcionar un traballo e os documentos necesarios». Era un 18 de setembro de 2024. Non sentiu o mesmo en Marrocos, país no que permanecería tras fuxir da crise de Nixeria, de sete meses en Níxer, unha semana en Alxeria, e, antes de chegar a Bueu logo de Canarias, Lanzarote, Tenerife e Mérida. A diferenza, asegura, residiría nunha discriminación radicada na relixión. Pois Goodluck viría arrastrando o trauma da crise de Nixeria.
«Cambiar de lugar de residencia é moi difícil. Incluso se queres deixar España para marchar cara a outro país. Vaste atopar dificultades no tempo, no idioma, na asociación coa xente». O recomezo de Goodluck pasa polas súas afeccións: o deporte —gustaríalle estudar administración en deportes— e a cociña —oficio que xa coñece—. Aínda está agardando pola resolución que o permitiría. Ante todo, o seu anhelo é «ser un cidadán bo». Axudar. «Axudar a medrar a economía de España».
Así é que a fe e o universalismo son os piares do seu pensamento. De aí que cando se lle pregunta por un consello que ofrecería a outra persoa na súa mesma situación, se el puidese ser unha bocalada que despexase a incerteza da ruta do estranxeiro, resúmeo co seu novo horizonte: ser unha boa persoa e non implicarse en actividades ilegais. «Porque España non che precisa e debes apreciar esta oportunidade, este privilexio». Ser recíproco con esa boa sorte coa que se sinte. Ese é en parte o problema, a tensión dual que atravesa a identidade da persoa inmigrante: ter por feito a discriminación da nación que che sinala como estranxeiro e aceptar ser un estranxeiro enraizado no conflito.
As palabras de Goodluck entorpécense. O castelán non é unha das súas linguas natais e a súa boca masca uns sons cos que está aprendendo a familiarizarse. Por iso cando cambiamos ao inglés rise: «Estabádesme probando?». Porque para Goodluck, a comprensión, máis alá do idioma e das fronteiras, é a base que enriquece as relacións humanas. «O aspecto comunicacional. Logo o aspecto cultural e o relixioso». A comprensión, a aceptación. Recomezar. No Hotel Alda Bueumar Goodluck vai a museos, ao centro de Bueu, participa en actividades culturais, fai amigos. Moitas destas actividades son programadas pola ONG coordinadora —Accem—. Ás veces vai xunto a outros compañeiros ás escolas para educar os nenos sobre a vida dos inmigrantes. Tamén estuda español, normalmente pola mañá. Igual que se labra a monotonía, Goodluck repítese, reafírmase: «O máis importante: vas ao estranxeiro e es aceptado. Porque se vas a un lugar onde a xente rexéitache, sentiraste deprimido».
Fronte a nós, a encargada da limpeza de hotel rifa con dous homes. Nada máis frustrante que a xente que camiña sobre o chan recentemente fregado. Os tres rin, por interromper a súa xornada coa súa broma. Nós interrompemos a hora do xantar de Ousman e de Goodluck.








